O festival Lugo Máxico chega aos centros de ensino
Celébrase estes días a décimo sexta edición da Semana da Maxia de Lugo, unha cidade en que a maxia está fortemente enraizada e que conta cunha gran tradición. Entre outras cousas, esta semana ten de especial que o espectáculo chega a todos os recunchos: colexios, centros sociais e centros de día.
Esta semana todo arrecende a maxia. Estamos no colexio Divino Mestre. Hoxe os nenos non dan feito con tanta emoción. O mago Julito Rapado vainos marabillar durante unha hora.
Esta actuación forma parte das case sesenta que se van desenvolver estes días en Lugo, na décimo sexta edición da Semana da Maxia que se celebra na cidade, onde non hai un recuncho que quede sen espectáculo.
A representación de magos é internacional. En total son unha vintena de homes e mulleres que van engaiolar a cidade durante toda esta semana.
Julito Rapado deixa marabillados os pequenos deste cole. Hai debate sobre cal foi o truco que máis gustou.
Cada día hai unha media de doce espectáculos. O remate será o sábado, coa gran gala internacional.