CRTVG

Buscar

O Festival das Meninas de Canido volve situar Ferrol como referente da arte urbana

Publicado o 03/09/2021 14:40

Os artistas xa están a traballar nas paredes do barrio de Canido. O Festival das Meninas inaugúrase esta tarde convertido nun referente da arte urbana ao contar cos principais artistas de graffiti de España e tamén de fóra. "Temos un nivel impresionante de artistas este ano. Conexións con Francia, coa Arxentina, co Uruguai, cos Estados Unidos, facendo colaboracións entre nós", asegura Eduardo Hermida, artista de barrio e creador do Festival das Meninas de Canido.

O creador do Festival das Meninas aconsella perderse polo barrio, que nos últimos anos está a experimentar unha remodelación urbanística, descubrir os murais novos e os antigos. "Para todos os gustos e idades, para nenos, para maiores, para familias enteiras que poidan gozar do barrio", di Eduardo.

E este ano volven outros eventos, como os concertos da Mala Rodríguez ou Os Resentidos. "A cultura que volva funcionar. A cultura, non só a que producimos os artistas, senón todo o vinculado: montadores, técnicos de son, a hostalería... Toda a xente que levaba tempo pasándoo tan mal... Con moita precaución, hai que dar ese paso".

Queren dedicarlle este festival a Paula García Couce, Pauliña, falecida hai pouco, e sobre a que descansaba gran parte da organización do evento. "A alma máter do festival, e é unha perda tráxica que nos custou moito poder afrontala e decidir seguir co festival. Pensamos suspendelo todo, pero penso que é a homenaxe máis bonita que lle podemos facer entre todos".

Noticias web

03/09/2021