O ferreiro de Trandeiras traballa na súa forxa de xeito completamente artesanal
Seguro que en moitas aldeas galegas lembran a presenza dos oficios artesáns. A meirande parte deles perdéronse co paso dos anos, o avance da tecnoloxía e a falta da remuda para mantelos vivos. Con todo, segue habendo xente coa vista posta na tradición. É o caso dun artesán da forxa que conseguiu que o oficio perviva na Limia. Abriunos a porta do seu taller para contarnos a súa historia.
Esta vella casa familiar de Trandeiras está chea de historia e de oficios. O faiado foi no seu día un tear, agora aquí atopamos unha das poucas forxas artesás de Galicia. É a de Diego; aquí pasa o tempo libre cando non está ocupado coa familia ou o seu traballo como bombeiro. Declárase autodidacta e en constante aprendizaxe.
"Todo reciclado, como facían os nosos vellos, non? Aos nosos vellos rompíalles un sacho e de aí tiña que nacer outra ferramenta, non o podían tirar e ir buscar outro ferro porque non había onde. Entón eu o que máis fago é iso... unha cousa moi intuitiva e intentando pensar como facían eles."
Malia que agora poida parecer estraño, o certo é que no seu día o de ferreiro era un oficio imprescindible nas aldeas.
"Aquí practicamente na Limia, que é unha zona moi agrícola, sempre houbo ferreiros en todos as vilas, un ou máis, porque era necesario para facer coitelería, facer fouciños, arranxar ferramentas, arados, as famosas rellas. Entón eran necesarios."
O último ferreiro marchou de Trandeiras hai setenta anos; agora Diego colle a remuda.
"Intento manter o espírito non só das pezas que se fan, porque podemos facer mil historias, pero a min o que máis me gusta é que se manteña tamén o espírito de que hai un ferreiro artesán coma os de antes, aínda que só sexa un, pero haino, e á xente interésalle. E coido que facendo isto poñemos en valor todo o traballo de todos os ferreiros que quedan en Galicia."
Abriu xa moitas veces as portas da súa forxa a aqueles que coma el conservan a curiosidade polo oficio. Un interese que medra co tempo e unha aprendizaxe que, asegura, nunca remata.