CRTVG

Buscar

O expiloto Jorge Lis, negacionista que non se vacinou, en extrema gravidade na UCI

Publicado o 05/08/2021 14:23

O expiloto valenciano de motociclismo Jorge Lis, negacionista convencido, debátese entre a vida e a morte tras contaxiarse de coronavirus a principios de xullo. Leva quince días na UCI, en coma inducido. A súa irmá, Elena, conta que se arrepentiu moito de non vacinarse e que lle pediu que contase a súa historia por se pode salvar a outros. 

Dicía que o do coronavirus era unha farsa, un invento. Por suposto, Jorge rexeitou a vacina e mesmo intentou convencer a súa familia, incluída a súa nai, de 85 anos, de que tampouco se vacinasen, o que o levou a un enfrontamento coa súa irmá Elena.

Elena Lis, irmá de Jorge Lis: "Empezou a abrazar teorías negacionistas. Por suposto, era antivacinas covid".

Jorge comezou a sentir os primeiros síntomas a comezos de xullo, pero non lle deu importancia. Tiña 46 anos e estaba san. Acabou no hospital La Fe de Valencia cunha pneumonía bilateral, conectado a un respirador e extremadamente grave. Desde hai dúas semanas, en coma inducido.

Elena Lis, irmá de Jorge Lis: "Non todo o mundo que está na UCI ten a mesma gravidade. El está conectado a esta máquina que osixena o sangue fóra do corpo, que se usa só para casos moi graves".

A mediados de xullo, na súa última mensaxe de WhatsApp, Jorge manifestáballe á súa irmá o seu arrepentimento por non vacinarse e pedíalle que contase a súa historia por se valía de algo.

Elena Lis, irmá de Jorge Lis: "Recoñece o erro, dille a algún amigo íntimo que recen por el. Hai un virus que mata e as vacinas salvan vidas. Só cunha vacina que tivese, xa non estaría na UCI. Estou segura".

Noticias web

05/08/2021