CRTVG

Buscar

O exmozo da rapaza de 17 anos desaparecida en Sevilla confesa que a matou

Publicado o 10/06/2021 22:43

• Xa apareceron os restos da vítima no lugar onde dixo que a soterrou

O exmozo da rapaza de 17 anos desaparecida en Sevilla confesa que a matou

EFE

EFE

O exmozo de Rocío Caíz Pozo, a moza de 17 anos desaparecida desde o pasado 3 de xuño en Martín de la Jara (Sevilla), confesou á Garda Civil que a matou o mesmo día que desapareceu e indicou aos axentes onde está o corpo.

Segundo informaron a Efe fontes da investigación, o mozo presentouse esta tarde no cuartel da Garda Civil de Estepa e declarou que matou a moza o mesmo día que desapareceu e que posteriormente se desfixo do corpo nun aparcamento do mesmo municipio sevillano. Seguidamente, ofreceuse a guiar os axentes ao lugar onde lanzou os restos da moza, ao parecer nunha bolsa, e nese punto en concreto foron atopados, pouco antes das 21:30, restos humanos que poderían corresponder á rapaza.

Desde que se denunciou o caso, a Garda Civil mantiña todas as hipóteses abertas na desaparición da rapaza, nai dun bebé de catro meses, fillo do mozo de 23 anos co que foi vista por última vez en Estepa, a 25 quilómetros do seu lugar, xusto antes de entrar na casa do exmozo, que hoxe confesou o crime.

A menor decidira ir á casa da súa exparella recoller un carriño de bebé do pequeno nun taxi que pagou el mesmo. Ao non volver á súa casa ese día, a familia denunciou os feitos. A nai de Rocío falou con el pola mañá e díxolle que pasara alí a noite pero que ao espertar marchara, e el non sabía onde estaba. Entón, díxolle que lle roubara 300 euros e marchara a Badaxoz con outro home, o cal corroboraría unha suposta mensaxe enviada pola moza á súa irmá unhas horas antes a través dunha aplicación de redes sociais.