CRTVG

Buscar

O exército israelí lanza 50 roldas de bombardeos sobre Gaza en 40 minutos

Publicado o 14/05/2021 07:40

A poboación de Gaza abandona as súas vivendas buscando refuxio ante os intensos ataques aéreos das forzas israelís. Superáse o cento de mortos na franxa, en torno a unha trintena de nenos. Segundo informou o Ministerio de Sanidade do enclave, tamén hai máis de 800 persoas feridas.

Durante a madrugada, o exército hebreo levou a cabo a maior operación sobre territorio palestino dende o inicio da escalada bélica o pasado luns. Efectuaron cincuenta roldas de bombardeos por terra e aire en corenta minutos contra obxectivos en Gaza.

O exército israelí deféndese das acusacións de atacar obxectivos inocentes, e ata asegura que entre eses civís falecidos hai vítimas de proxectís que lanza Hamás. Desta banda, son sete as vítimas mortais. Esta noite tamén se repetiron os bombardeos sobre Israel. Falan xa de 1.750 mísiles e as Forzas de Defensa de Israel din que incluso lles lanzaron tres dende o Líbano. 

Consello de seguridade da ONU

O consello de seguridade da ONU reúnese o domingo e asegura que se traballa ao máis alto nivel para tratar de reducir as tensións. O secretario xeral das Nacións Unidas lamenta que morreran xa demasiadas persoas inocentes. A delegación de Noruega di que a situación é critica e pide que non se deixe sufrir a civís. Joe Biden non ve unha reacción esaxerada de Israel e cre que a cuestión é ver como se dá acadado unha redución significativa dos ataques por aire con mísiles a Israel. 

"Cobrarémoslle un alto prezo a Hamás e as organizaciós terroristas", di Netanyahu. Gaza é unha das dúas frontes abertas que ten Israel arestora, segundo o primeiro ministro israelí. A outra son os disturbios nas cidades.

A situación empeora especialmente nas localidades nas que conviven árabes e xudeus. Activistas de ultradereita organizan ataques aos árabes en Xerusalen, na cidade de Lod activistas palestinos atacaron xa a quinta sinagoga. Policías, soldados e cidadáns foron feridos en distintos enfrontamentos e continúan as detencións nuns entornos urbanos en que a violencia se desborda.  

Noticias web

14/05/2021