CRTVG

Buscar

O exercicio e a dieta, cruciais para os nenos con diabetes confinados

Publicado o 28/04/2020 14:28

Alejandra vive en Ourense, foi diagnosticada de diabetes tipo 1 con catro anos. Unha enfermidade crónica para a que precisa un seguimento diario.

Elisa López Calvo, nai de Alejandra e vicepresidenta de ANEDIA: "As 24 horas do día, os 365 días do ano. Aquí non hai vacacións".

A poboación infantil con diabetes non é especialmente vulnerable a padecer coronavirus, pero no caso de contaxiarse si terían máis risco de presentar algún tipo de complicación. Así que cando chegou a pandemia suprimíronse os controis presenciais no hospital.

Gemma Nóvoa Gómez, pediatra do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense:
"A consulta telemática no caso dos diabéticos non nos resulta moi complicada, porque temos moitas ferramentas que nos botan unha man. Dispoñemos de plataformas en Internet, onde os pacientes descargan os seus datos de bombas, de medidores... e así podemos facerlles desde a consulta vía telefónica, un axuste da súa terapia con insulina".

Alejandra e o seu irmán non saen da casa dende o pasado 12 de marzo. Aquí tentan seguir coas rutinas que ela precisa para manter a raia a enfermidade. Malia que algúns cambios sexan inevitables.

Elisa López Calvo, nai de Alejandra e vicepresidenta de ANEDIA: "O exercicio, a alimentación e a insulina son as tres pezas clave dun bo equilibrio diabético. Ela, que facía adestramentos de tres horas e media diarias co seu equipo de natación sincronizada, pois fíxate como lle cambia o conto. Para que tampouco suba tanto a insulina, o que facemos é unha dieta aínda moito máis saudable".

En canto ao exercicio físico, as doutoras ocúpanse tamén diso vía WhasApp.

Elisa López Calvo - Nai de Alejandra e vicepresidenta de ANEDIA: "A partir das oito da tarde, á parte dos aplausos, cada familia pon un enlace a unha coreografía. Entón incluso elas (as doutoras) coas súas familias, facemos as coreografías para que os nenos se movan".

Gemma Nóvoa Gómez - Pediatra do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense: "Facelos sentir un pouco que estamos con eles nestes momentos, están na casa, non os podemos atender no hospital, pero seguimos estando con eles e pendentes deles en todo momento".

Alejandra conta, ademais, cunha axuda engadida: a do seu can Sweet, adestrado para avisar con antelación de calquera cambio que se vaia producir nos seus niveis de glicemia.

Noticias web

28/04/2020