O exceso de argazo pon en perigo os bancos marisqueiros de Cabo de Cruz
Por décimo día consecutivo, a confraría de Cabo da Cruz retira toneladas de argazo dos bancos marisqueiros de Barraña e de Mañóns.
"É un caso superextraordinario porque se dan as condicións exactas para que se incremente nunha proporción incontrolable; de feito, esta é a décima xornada de traballo e estamos sacando unhas 8 toneladas ao día", explica Xosé Manuel Pérez, patrón maior de Cabo da Cruz.
O argazo crea unha capa mesta que lle saca o osixeno aos bivalvos e que pode provocar unha gran mortaldade.
"Claro que o pon en perigo porque o argazo afoga todo, estámolo retirando en zonas concretas onde non hai pedras, onde hai pedras é moi difícil de retirar e de feito ese marisco vai ir para o outro barrio", di Xosé Manuel Pérez.
As altas temperaturas están provocando esta sobreabundancia de algas. Din que é un dos peores anos que se recordan. A situación está afectando tamén aos bancos marisqueiros de Noia, onde están retirando unhas tres toneladas de argazo ao día.