CRTVG

Buscar

O ex-profesor recoñece os abusos: "Sentinme amparado polos maristas"

Publicado o 26/03/2019 21:28

O ex-profesor dos Maristas de Sants de Barcelona, Joaquín Benítez, só respondeu as preguntas do seu avogado. Contou que en 1986 abusou dun menor, que o pai se queixou á dirección do centro pero que esta, en contra do que el mesmo agardaba, non o sancionou nin o expulsou. Só lle recomendou que buscara axuda profesional. O acusado volveu repetir os abusos.

"Por este motivo, en fin, se eu fixen unha cousa no seu día como estou, ou me sinto amparado polos maristas, entón pois, vaia, e como era un acto condicionado que era un impulso, esporádico por dicilo dalgún xeito, pois, en fin, é así".

Este ex-profesor xúlgano por abusar sexualmente de catro alumnos, pero el só admitiu os feitos en dous casos. O pai dunha das vítimas, que antes de entrar na sala lle pediu que contase a verdade, estaba decepcionado. 

"Mañá mesmo a Generalitat debería reunir o Goberno e abrir un expediente sancionador aos Maristas por todo o que escoitamos hoxe na sala. Volvo dicilo, non é unha vitoria".

A psicóloga e os forenses que declararon nesta sesión aseguran que o acusado non ten un perfil psicópata nin pedófilo, pero si narcisista. A Fiscalía pide 22 anos de cárcere e 14 de inhabilitación para o ex-profesor e aumentou a contía da indemnización ata os 90.000 euros.

Noticias web

26/03/2019