CRTVG

Buscar

O ex-estratego de Trump Steve Bannon, detido por defraudar doantes para o seu muro

Publicado o 20/08/2020 17:25
O ex-estratego de Trump Steve Bannon, detido por defraudar doantes para o seu muro

Steve Bannon, o polémico ex-asesor de Donald Trump, foi detido este xoves acusado de defraudar centos de miles de dólares de doazóns a unha campaña para construír o muro na fronteira con México prometido polo presidente dos Estados Unidos.

Xunto a Bannon foron arrestadas e imputadas outras tres persoas polo seu papel nunha suposta fraude arredor da iniciativa 'We Build the Wall' ("Nós construímos o muro", en inglés), que recadou uns 25 millóns de dólares, segundo as autoridades.

"Os acusados defraudaron centos de miles de dólares de doantes, aproveitándose do seu interese para financiar un muro fronteirizo para recadar millóns de dólares, baixo o falso pretexto de que todo o diñeiro se dedicaría á construción", sinalou nun comunicado Audrey Strauss, a fiscala en funcións do distrito sur de Nova York.

Segundo a fiscala, a campaña desviou importantes cantidades de diñeiro a Brian Kolfage, un veterano da guerra de Iraq que fundou a iniciativa e foi o seu gran rostro, a pesar de que se asegurou repetidamente aos doantes que este non recibiría un centavo.

Ademais, as autoridades apuntan que os involucrados crearon facturas e contas falsas para "branquear doazóns" e "tapar os seus crimes", canalizando fondos de 'Wel Build the Wall' a través dunha organización sen ánimo de lucro que controlaban.

"Este caso serve de aviso a outros defraudadores de que ninguén está por encima da lei, nin sequera un veterano de guerra incapacitado ou un asesor político millonario", sinalou na nota Philip R. Bartlett, o inspector encargado do caso.

Ademais de Bannon, foron detidos o propio Kolfage e outros dous homes, Andrew Badolato e Timothy Shea, polo seu papel na suposta fraude. 

Segundo a acusación, os catro recibiron centos de miles de dólares procedentes de doazóns, que usaron para gastos persoais e fins que non tiñan nada que ver co prometido na súa campaña de recadación.

Todos están imputados con cargos de conspiración para cometer fraude electrónica e de conspiración para o branqueo de diñeiro, dous delitos que poden carrexar penas máximas de 20 anos de cárcere cada un.

Bannon, considerado un dos grandes artífices da chegada de Trump á Casa Branca coa súa aposta populista e apoios na extrema dereita, deixou a Administración en agosto de 2017. 

Declárase non culpable

Un xuíz de Nova York impuxo este xoves unha fianza de 5 millóns de dólares e el declarouse "non culpable". Tamén lle impuxo restricións de viaxe e, deste xeito, non poderá trasladarse ao estranxeiro nin usar avións privados ou barcos sen o expreso permiso do xuíz, segundo medios locais.

Bannon, cuxa próxima comparecencia foi fixada para o 31 de agosto, deberá suspender tamén a recadación de fondos que emprendera con outros tres socios que tamén foron imputados baixo acusacións de fraude e branqueo de diñeiro. 

 

 

Noticias web

20/08/2020