CRTVG

Buscar

O estudo de seroprevalencia do Ministerio de Sanidade comezará o luns

Publicado o 21/04/2020 18:02

O estudo de seroprevalencia, que está a preparar o Ministerio Sanidade, xunto ao Instituto de Saúde Carlos III  e o Instituto Nacional de Estatística (INE), para estimar a inmunización da poboación española fronte á COVID-19, vai comezar a realizarse o vindeiro luns, 27 de abril. O traballo xa se podería estar a realizar nalgunhas cidades como, por exemplo, Zaragoza, aínda que non será ata o vindeiro luns cando comece de maneira oficial o estudo onde se van a analizar máis de 60.000 persoas en dúas quendas, ambas dunhas 30.000 persoas.

O estudo vai estar liderado pola directora do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII), Raquel Yotti, e espérase obter resultados dentro de varias semanas, aínda que o Goberno non informou aínda sobre a data exacta prevista para contar con estes datos, a pesar de que asegurou en varias ocasións de que se realiza para axudar na toma de decisións á hora de ir relaxando as restritivas medidas de distanciamento social.

Neste sentido, a portavoz do Goberno, María Jesús Montero, comentou que o traballo se vai realizar, en coordinación coas comunidades autónomas, nos servizos de Atención Primaria porque estes tests deben complementarse con outras probas que requiren o traballo de profesionais sanitarios para confirmar os datos e saber "exactamente" en que momento se atopan os anticorpos xerados. Concretamente, os tests serolóxicos, como xa avanzou en días anteriores o ministro de Sanidade, Salvador Illa, aplicaranse á poboación xeral para saber se xa pasou a enfermidade e comprobar que porcentaxe de españois xa é inmune.

Así mesmo, este martes o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias ( CCAES), Fernando Simón, asegurou que este estudo vai ser "moi importante" para levar a cabo as formulacións da fase de desescalada, en que xa traballa o Goberno. "É moi importante para novas fases saber o número real, ou polo menos unha estimación o máis precisa posible, do número de persoas que se infectaron", apuntou Simón, aínda que avisou de que "é unha información importante, pero non a única".

Noticias web

21/04/2020