O Estado ve inviable xuridicamente adscribir Ence ao porto de Marín
Uns 200 traballadores de Ence volveron manifestarse pola continuidade na ría de Pontevedra. A Subdelegación do Goberno acolleu a terceira mesa de traballo sobre o futuro da pasteira, que reúne todas as administracións, empresa e traballadores. O Goberno ve inviable a proposta da compañía e da Xunta de adscribir a factoría ao porto de Marín.
"Esa liña xa se explorou en 2005 e quedou descartada, non merece a pena seguir explorando unha vía frustrada", di Hugo Morán, secretario de Estado de Medio Ambiente.
O Goberno central vai encargar un estudo para identificar posibles localizacións alternativas, que apoiaría financeiramente. O Concello só contempla esta posibilidade.
"Nós queremos recuperar a Ría, e cremos que hai ubicacións en Galicia para poñer unha celulosa", asegura Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra.
Discrepa a Xunta, que só ve factible a continuidade en Lourizán. "Presentamos esta solución xurídica alternativa: adscribir os terreos ao porto de Marín coa fin de manter os postos de traballo", di Luis López, delegado da Xunta en Pontevedra.
"A única posibilidade de seguir producindo en Galicia é en Lourizán, non hai outra alternativa", insiste Antonio Casal, delegado de Ence. Os traballadores lamentan a falta de avances e piden solucións."Se o Supremo di que non podemos traballar en Lourizán, antes que quedar no paro buscamos calquera alternativa que garanta os postos de traballo", din dende o comité de empresa.
Todas as partes comprometéronse a unha futura convocatoria da mesa, pendentes de que o Supremo ratifique ou non a sentenza que anula a prórroga da concesión de ENCE.