Impiden aos Franco entrar en Meirás, e estes anuncian que demandarán o Estado
• As administracións presentaron recursos contra a retirada de bens
A empresa de mudanzas contratada pola familia Franco non puido entrar hoxe no Pazo de Meirás para iniciar o traslado dos bens, xa que un vixiante de seguridade dunha empresa privada lle denegou a entrada ao inmoble. Por esa razón, o avogado dos Franco anuncia que demandarán o Estado nos xulgados.
O letrado Luis Felipe Utrera-Molina explicou a EFE que esta empresa de mudanzas chegou o xoves ás dúas da tarde ao recinto de Meirás, onde prevía acceder para calcular a loxística de transporte que debe ter en conta para trasladar definitivamente o mobiliario, tal e como determinou a Audiencia Provincial da Coruña. "O Estado denegoulle o acceso á empresa de mudanzas designada polos meus clientes para entrar no Pazo de Meirás", indicou Utrera-Molina, despois de que o vixiante de seguridade recibise dos seus superiores a instrución de denegar a esta empresa de mudanzas ao entrada ao inmoble.
Recurso do Estado
A Avogacía do Estado e a Deputación da Coruña presentaron un recurso de reposición contra a dilixencia do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña que lle concede un mes á familia Franco para retirar os bens do pazo de Meirás.
Confirmárono en conferencia de prensa o delegado do Goberno en Galicia José Miñones e o presidente da Deputación da Coruña Valentín González Formoso.
Estes recursos súmanse aos anunciados polos Concellos da Coruña e de Sada contra a decisión xudicial de concederlles quince días aos herdeiros do ditador para levaren o mobiliario.
Segundo González Formoso, "seguimos no camiño de defender que os bens inventariados protexidos o sigan estando”. Para Miñones, é "un primeiro paso", porque a Avogacía do Estado segue traballando para "defender un ben público" e o "patrimonio do Estado".
Recurso da Xunta
A Xunta de Galicia presentou un recurso de reposición porque considera que a dilixencia "socava as competencias públicas de protección de patrimonio cultural de Galicia, ao non especificar de maneira explícita que a retirada de bens de interese cultural precisa a preceptiva autorización administrativa da Xunta", explica.
A Consellería de Cultura, Educación e Universidades afirma que o recurso presentado busca "protexer e defender o patrimonio dos galegos" como, segundo sostén, fixo desde "o principio" neste proceso. "Apostando pola unidade entre as administracións, axustándose ao Estado de Dereito e dando pasos firmes con aval xurídico", engade.