O estadio de Riazor fai 75 anos
Ángel volve ao estadio de Riazor 75 anos despois de pisalo por vez primeira. Aínda lembra o que pagou por aquel Deportivo-Valencia, partido inaugural do estadio un 29 de outubro de 1944.
"Eu creo que foron tres pesetas. Durante o partido o único que interesaba era o Deportivo porque non era o fútbol de agora: era máis aberto, máis libre, menos ríxido", lembra Ángel Novo, que con dez anos asistiu á inauguración do recinto deportivista.
Ata 1944 o Deportivo xogara no Parque de Riazor, un campo emprazado no lugar que agora ocupan a igrexa e o colexio das Escravas. O novo estadio construíuse en cinco anos.
"Despois da guerra civil hai carencias de certos materiais. Custa incluso encontrar ferro para as esrtruturas e mesmo cravos e puntas para facer diversas obras", conta Lois Novo, responsable de contidos históricos do Deportivo.
O Concello gastou uns tres millóns e medio de pesetas, arredor de 21.000 euros, na construción dun estadio para 36.000 persoas.
"O mellor estadio. Innovador no aspecto arquitéctonico por varias cousas. Constrúese a bancada elevada, bautizada como tribuna de Amberes, en honra dos subcampións olímpicos de 1920. Foi a primeira bancada en voladizo que se construiu nun estadio en España sen columnas que entorpecesen a visión", asegura Novo.
Do primeiro estadio só queda a torre de maratón.
"Unha torre de maratón porque o estadio nace cunha vocación polideportiva. Polo tema das pistas de atletismo, pénsanse en carreiras que saen do estadio, o maratón e as probas de marcha. A torre é para facer seguimento", conta Novo.
A casa do Deportivo volve acoller a Ángel 75 anos despois da súa primeira visita.
"Se fun socio en Preferencia en Terceira División, como non vas vir ao estadio. Ao estadio é unha obriga vir".
A Ángel acompáñao o seu fillo Lois. Moitas historias que contar e que rexistrar.