CRTVG

Buscar

O escuadrón de cabalería da Garda Civil leva todo o verán protexendo os camiños

Publicado o 21/09/2021 15:38

"A xente sorpréndese moito de ver a Garda Civil a cabalo porque parece que o cabalo está coma en desuso", comenta ​Antonio Garrido, sarxento do escuadrón de cabalería da Garda Civil. 

E nada máis lonxe da realidade, porque os cabalos sempre estiveron presentes, cando eran o único medio de transporte para os gardas e agora que son os únicos que poden adentrarse por sendeiros e camiños que doutro modo serían intransitables. O escuadrón de cabalería da Garda Civil ten a súa base en Madrid, pero presta os seus servizos onde os necesiten.

"Aquí vimos en época estival, sobre todo porque vimos realizar o Camiño de Santiago, e logo tamén realizamos prevención de incendios, imos alternando servizos, requíresenos nalgunhas ocasións en romarías ou en feiras e ao final prestamos tamén un servizo de orde pública", informa ​Antonio Garrido, sarxento do escuadrón de cabalería da Garda Civil. 

A súa presenza non pasa desapercibida entre os peregrinos. "Gústanos ver os cabalos e á parte sentímonos protexidos", comenta unha peregrina.

"É a presenza policial que lles dá seguridade e logo tamén prestamos auxilio sobre todo cando se nos require polo tema de mancaduras, cambras, no caso dalgún golpe de calor, somos a primeira asistencia", fala o sarxento.

Remata o verán e toca volver a Madrid, volver aos adestramentos e sobre todo seguir prestando servizos alí onde máis os precisen.

"Que teñan un bo Camiño e o que precisen estamos por aquí nós", "Obrigado", despídense os gardas duns peregrinos portugueses.

Noticias web

21/09/2021