CRTVG

Buscar

O ERTE na refinería de Repsol da Coruña entrará en vigor este martes

Publicado o 10/05/2021 10:49
O ERTE na refinería de Repsol da Coruña entrará en vigor este martes

A dirección de Repsol e os representantes dos traballadores ultiman os trámites para a aplicación do ERTE que vai entrar en vigor na refinería da Coruña nas próximas horas. Será este martes cando entre en vigor esa medida despois de que a dirección e os sindicatos alcanzaran un acordo para esta redución temporal de emprego.

Finalmente serán 112 os traballadores afectados fronte aos 212 previstos inicialmente. Ademais redúcese o tempo de aplicación do ERTE. Dos seis meses iniciais quedará finalmente en catro meses e 20 días tras os que a dirección da empresa comprométese a que os traballadores retomen a súa actividade habitual.

Repsol reafirma que se trata dunha medida temporal que se adopta por causas produtivas e que a situación se reverterá en canto as circunstancias así o permitan. A compañía reafirma a súa aposta pola viabilidade da refinería da Coruña e di que vai manter os seus compromisos de investimento co obxectivo das cero emisións en 2050.