Os fortes trebóns causan danos en coches e deixan varias vilas sen luz
Foron 10 minutos de pedrazo. "Case como ovos de galiña... Espantoso... Foi pouco tempo, pero vaia ruído facía. Asustámonos moito", explican en Lalín. Houbo danos eléctricos, nas colleitas, nas vivendas e sobre todo nos coches. "A partir das 7 empezaron a vir todos, amontoados. Sobre uns 40 ou 50. E esta mañá unha ducia máis", explica o responsable dun taller.
Hoxe é día de limpeza en Cimadevila, en San Xoán do Río. Hai lama na praza, nos sumidoiros e nas portas das casas. Entre os escasos veciños da aldea conseguiron frear a riada para protexer o gando, pero algún tiveron que sacalo da corte porque a auga xa lle subía dos xeonllos. "Cando cheguei aquí xa estaba todo cheo. Empecei a cavar, púxenme coma unha sopa, pero nada. Ata que parou de chover e xuntei a area e puxen unhas táboas". "E puxemos aí paus e pedras para poder arrebater a auga da corte. Pero arriba aínda é peor porque está tupida ata a cima de area", contan os veciños.
As treboadas nesta zona afectaron contra a tardiña. Caeu saraiba e moita auga, que fixo rebordar as fontes e sumidoiros. Tamén afectou a subministración eléctrica. En Río, na capitalidade municipal, estiveron sen luz desde as sete da tarde ata pasadas as tres da mañá.
A alerta non fallou e as treboadas deixaron en toda a provincia de Lugo unha mestura de choiva, saraiba e máis de 3000 raios. No centro da provincia en puntos coma este de Palas de Rei desbordaron río e regatos, con todo a peor parte rexistrouse na zona sur. Granizou con forza na Pobra do Brollón e en Monforte rexistráronse anegamentos nalgunhas rúas.
Tamén choveu con forza na Mariña e en Viveiro a tromba de auga mesmo chegou a paralizar durante un anaco a celebración do Resurrection Fest.