CRTVG

Buscar

O empeoramento da calidade do aire podería forzar novos confinamentos na Palma

Publicado o 16/10/2021 14:39

A lava do Cumbre Vieja xa cobre 732 hectáreas da illa da Palma, sepultando vivendas, industrias e leiras de plataneiros. As coadas arrasaron ata o momento máis de 1.800 edificacións e casas, pertencentes moitas delas ás sete mil persoas que seguen evacuadas, con medo ao presente e ao futuro.

A nova boca eruptiva, aberta este venres no sueste do cono principal do volcán, engade perigo e incerteza á poboación da zona. A xente, coa axuda do persoal da Unidade Militar de Emerxencias, retira as pertenzas das case cen casas que nestes momentos están en perigo directo. Os militares retiran tamén as cinzas dos edificios, para evitar derrubamentos.

Desde o venres á medianoite, a illa da Palma sufriu 36 sismos, un deles na zona de Mazo de 4,6 graos, o maior desde que comezou a erupción. Segundo a información do Instituto Xeográfico Nacional (IGN), este tremor rexistrouse a 37 quilómetros de profundidade ás 04:41 horas. 

A previsión meteorolóxica di que esta fin de semana chegará ás illas unha masa de aire con po do Sáhara, que incrementará o efecto das cinzas do volcán e obrigará probablemente a novas ordes de confinamento puntuais, e dificultará a actividade do aeroporto da Palma.



 

Noticias web

16/10/2021