CRTVG

Buscar

Trump ordenou o intercambio de favores con Ucraína, segundo o embaixador na UE

Publicado o 20/11/2019 20:10
Trump ordenou o intercambio de favores con Ucraína, segundo o embaixador na UE

"Todo o mundo o sabía, non era un segredo", asegurou hoxe o embaixador dos EUA ante a Unión Europea, Gordon Sondland, ao relatar no Congreso as estratexias da Casa Branca para meterlle presión a Ucraína coa intención de conseguir que Kiev investigase o ex-vicepresidente e actual aspirante demócrata á presidencia, Joe Biden.

Nunha audiencia moi esperada polo perfil da testemuña, Sondland sorprendeu ao recoñecer que, segundo el, existiu quid pro quo nas coaccións do presidente estadounidense, Donald Trump, a Ucraína, ao condicionar en particular unha invitación á Casa Branca ao seu homólogo ucraíno, Vladímir Zelenski, ás pescudas sobre Biden.

"Houbo quid pro quo (...) Con respecto á chamada solicitada da Casa Branca e a reunión da Casa Branca, a resposta é 'si'", afirmou o diplomático, un coñecido doante republicano que foi persoalmente elixido por Trump para representar o país ante a UE.

Para sustentar a implicación de "todo o mundo", incluíndo a Trump a través do seu xefe de gabinete interino, Mick Mulvaney, e o seu avogado persoal, Rudy Guiliani; e a membros do Goberno como o secretario de Estado, Mike Pompeo, e o de Enerxía, Rick Perry, Sondland compartiu correos electrónicos, contidos de grupos de Whatsapp e mensaxes de texto. 

Noticias web

20/11/2019