CRTVG

Buscar

O domingo deixa cinco medallas galegas no Campionato de España de Atletismo

Publicado o 01/03/2020 14:07

Máis medallas para os atletas galegos no nacional de Ourense. Unha das primeiras en confirmarse foi a de Leticia Gil en salto de lonxitude. A valdeorresa non puido repetir o ouro do ano pasado nunha final que resultou ser moi esixente. Asegurou o terceiro posto no quinto intento cun salto de 6.19 metros, a súa mellor marca da temporada. Fátima Daime non lles deu opción ás rivais. Levou o ouro cun salto de 6.47 metros.

A prata en altura foi para a gran promesa da disciplina en España, Saleta Fernández. A monfortina comezou o concurso en 1.68 e pechouno en 1.79 tras facer un nulo. A atleta, con tan só tres semanas de adestramento, non puido con Cristina Ferrando, a única que hoxe saltou 1.85.

Había moita expectación arredor da participación de Belén Toimil na final de peso. A mugardesa, que viña de asinar o mellor lanzamento da temporada en Valencia cunha marca de 17.21, conseguiu a prata cun lanzamento de 16.16. O ouro foi para os 16.42 metros da incombustible Úrsula Ruiz que con este campionato español suma xa 23 títulos, o undécimo consecutivo.

Na final de 1500 feminino, o bronce foi para a canguesa Solange Pereira, que parou o crono en 4.15.47. O ouro levouno Esther Guerrero, que asinou o récord do campionato cunha marca de 4 minutos 11 segundos e 13 centésimas. Tres segundos despois cruzaba a liña de meta Marta Pérez, subcampioa de España.

Adrián Ben pecha o podio galego da xornada en Ourense. Prata para o atleta de Viveiro na final de 800 metros, cun tempo de 1.53.76. Unha carreira moi disputada e monopolizada polos corredores do club catalán. O ouro foi para Pablo Sánchez Valladares. A terceira praza para Mariano García García.

Noticias web

01/03/2020