CRTVG

Buscar

O DOG publica as novidades das restricións que entran en vigor este sábado en Galicia

Publicado o 23/09/2021 19:41

• O 75 % de ocupación xeneralízase salvo para nivel máximo e coa excepción dos centros sociocomunitarios en nivel medio alto | Consulta o DOG

O DOG publica as novidades das restricións que entran en vigor este sábado en Galicia
EP

Bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións terán novidades a partir do próximo sábado 25. O Diario Oficial de Galicia (DOG) acaba de publicar a actualización despois da reunión do comité clínico do martes e, segundo as novas normas, os usuarios poderán usar agora as pantallas táctiles. É un dos principais cambios que se suman ao xa anunciado polo conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña este mércores.

En xeral, todos os eventos poderán contar cunha ocupación do 75 por cento en toda Galicia (salvo nos concellos de nivel máximo, que se manteñen no 50 por cento) e os grupos pasan a ser de dez persoas en interiores fronte ás seis que había actualmente. Esta capacidade e grupos tamén atende a actividades como o lecer infantil e o deporte non federado.

A excepción, fronte ao anunciado este mércores polo conselleiro, afecta os centros sociocomunitarios, centros cívicos, centros de convivencia, centros sociais e similares. Nestes centros, a ocupación máxima mantense no 50 por cento tamén con nivel medio alto de restricións.

En todo caso, Galicia situarase desde o vindeiro sábado en nivel medio e medio baixo. En nivel medio permanecerán os municipios de Foz e do Barco de Valdeorras, mentres que o resto da comunidade autónoma terá as normas máis laxas que actualmente están en vigor e que pasan por ese 75 por cento de ocupación xeral para todas as actividades, o cal inclúe tamén as piscinas.

No caso dos centros sociais e sociocomunitarios, o DOG permite unha ocupación do 75 por cento para os concellos en nivel medio e medio baixo e grupos dun máximo de dez persoas, sempre que se "extremen as medidas de protección nas actividades de tipo grupal", ao que hai que sumar o monitor.

Sobre as bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, o DOG bis publicado este xoves 23 de setembro recolle un novo punto en que a Xunta sinala o deber de "promover as actividades que eviten a proximidade física entre participantes" e "primar as actividades de realización autónoma". Este apartado tamén recolle que se reforzará o deseño de recursos educativos, científicos e divulgativos de carácter dixital que permitan a función como institucións educativas e transmisoras de coñecemento por medios alternativos aos presenciais. Ademais, queda habilitado o uso dos elementos expostos deseñados para uso táctil por parte do visitante.

O DOG bis ratifica as novas medidas de flexibilización tamén para os espectáculos ao aire libre. Poderá haber concertos con público de pé nos concellos de nivel medio-baixo, que desde o sábado será toda Galicia menos Foz e O Barco. Tal e como avanzou Comesaña e ratifica o DOG, poderá haber ata 5.000 espectadores, con parcelas de 500. Estes espazos deben garantir a distancia persoal e só poderán ocuparse nun 33 por cento. Para o resto de espectáculos con público sentado, non haberá límite de persoas, cunha ocupación do 75 por cento para todos os concellos salvo os de máximo (non hai ningún), en que se mantén no 50 por cento.

As normas do DOG bis entran en vigor o sábado. Desde hai unha semana, xa funciona en Galicia o novo sistema de ocupacións para a hostalaría (que depende das medidas de protección) e non hai límites nas reunións sociais no ámbito privado nin tampouco restricións de mobilidade.

 

 

Noticias web

23/09/2021