CRTVG

Buscar

O director de Próxima Energía defende un cambio na lei española para atallar a escalada de prezos

Publicado o 21/07/2021 09:14

O problema que está a supoñer a escalada de prezos da electricidade só se soluciona cambiando na lei española o que cobran as centrais, porque non necesariamente ten que ser o prezo maiorista. É o que defende o director de Próxima Energía Jorge Morales baseándose en que quen establece o prezo son as que usan o gas, que en España son unha minoría de centrais, mentres que o oitenta por cento da produción eléctrica española non ten nada que ver con ningunha materia prima que teñamos que importar e os seus custos son os mesmos que cando o megawatt-hora estaba en 45 euros.

"As centrais nucleares, as hidroeléctricas, as solares, as eólicas teñen hoxe, en 2021, esencialmente os mesmos custos para producir a electricidade que hai dous anos. E así e todo están a cobrar o dobre do que cobraban hai dous anos. Isto fai que a súa marxe de ganancia sexa moitas veces superior ao que tiñamos hai poucos meses, ao redor, nada menos, que do 500 % nas tecnoloxías máis baratas. E este problema só se resolve cambiando a lei. O mecanismo de formación de prezos é o mesmo en toda Europa e non se vai modificar dun día para outro. Pero o que se pode cambiar, o mesmo que ocorre noutros países de Europa, é o que cobran as centrais eléctricas, que non necesariamente ten que ser o mesmo, non necesariamente ten que ser o prezo maiorista", di Jorge Morales de Labra, director de Próxima Energía.


 

Noticias web

21/07/2021