CRTVG

Buscar

O dianteiro do Celta Santi Mina irá a xuízo en marzo de 2022 por unha presunta agresión sexual en Mojácar

Publicado o 07/09/2021 12:37

• A Fiscalía, que pide oito anos de cárcere, acusa o deportista galego de perpetrar unha agresión sexual no verán de 2017

O dianteiro do Celta Santi Mina irá a xuízo en marzo de 2022 por unha presunta agresión sexual en Mojácar
O futbolista vigués Santi Mina será xulgado en marzo de 2022 na Audiencia Provincial de Almería nunha vista oral en que se enfronta a unha petición fiscal de oito anos de cárcere acusado de agredir sexualmente unha muller en xuño de 2017 mentres estaba de vacacións no municipio de Mojácar.
O xuízo, que recaeu na Sección Terceira, sinalouse para os días 28, 30 e 31 de marzo de 2022 e xunto a Mina será xulgado o tamén futbolista David Goldar, para quen o Ministerio Público solicitou sobresemento, aínda que non a acusación particular, segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía (TSJA). A Fiscalía de Almería acusa a Santi Mina dun presunto delito de agresión sexual e pide para el, á marxe da pena de prisión, que se lle impoña medida de liberdade vixiada durante dez anos e que se lle prohiba achegarse a menos de 500 metros á vítima ou comunicarse con ela polo mesmo período de tempo.

Ademais de lesións físicas "a consecuencia" do ataque que o Ministerio Público imputa a Mina, a vítima sofre sintomatoloxía ansiosa "grave" relacionada cos feitos, polo que solicita que se lle indemnice con 50.000 euros, segundo precisaron as mesmas fontes. Subliña que as secuelas que padece supuxeron que se vexa "moi afectada a súa vida cotiá" xa que sofre "trastorno de tensión postraumática crónico directamente relacionado" coa agresión sexual que se vai enxuizar.