CRTVG

Buscar

O Día do Medio Ambiente destaca a importancia da biodiversidade

Publicado o 05/06/2020 14:38

Este 5 de xuño, será un Día Mundial do Medio Ambiente distinto. As cidades non albergan actos debido á crise do coronavirus. Pero, en plena pandemia, a mensaxe está máis vixente ca nunca. Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, recórdanos o importante que é respectar a natureza e os seus ciclos biolóxicos.

Nesta ocasion, a ONU, a institución creadora desta efeméride internacional, lembra a importancia da biodiversidade.

"Ese movemento de especies que facemos dun lado a outro do mundo, está a provocar dous problemas para conservar a biodiversidade. A proliferación de moitas especies invasores, e tamen especies invasoras de fauna que se introduciron polo comercio de mascotas, que poden ser vectores de enfermidades, que poden afectar, como no caso do coronavirus, á especie humana", explica González.

Din os expertos que o confinamento foi unha tregua, porque "a falta de presenza humana nos espazos naturais permitiu que a fauna recuperase parte do seu antigo territorio". Tamén se reduciron os gases contaminantes e diminuíron os atropelos de animais. Pola contra, durante a pandemia aumentou o uso de químicos como a lixivia e tamén do plástico.

Lucía Viñas, investigadora do Insituto Español de Oceanografía de Vigo, di que os científicos están preocupados polo uso abusivo do plástico. Asegura que pode ser un material necesario nalgúns casos, pero di que empregar guantes de plástico cando imos ao súper e acto seguido tiralos, é un uso abusivo, máis grave aínda cando se deixan abandonados, explica, na rúa.

Con todo, o Día do Medio Ambiente lémbranos que aínda é posible reinventar a relación das persoas coa natureza e reconstruír un sistema mundial máis respectuoso co planeta.

Noticias web

05/06/2020