CRTVG

Buscar

Os Reis presiden un Día das Forzas Armadas sen un gran desfile pola pandemia

Publicado o 29/05/2021 14:21

Un acto marcado pola austeridade, sen discursos e practicamente sen público. Así se conmemorou o Día das Forzas Armadas, que non se celebraba desde 2019. Comezaba ás once e media da mañá coa chegada dos Reis á praza da Lealdade de Madrid, onde se sitúa o monumento aos Caídos. Despois das honras militares, Filipe VI pasou revista á tropa acompañado pola raíña Letizia, a ministra de Defensa, Margarita Robles, e a presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso.

A homenaxe aos caídos por España instituíuse en 1978 como recoñecemento ás vítimas das diversas contendas máis aló das diferenzas ideolóxicas. Tras escoitar o himno "A morte non é o final", despositouse unha coroa no monumento.

A patrulla Águila puxo a nota colorista e abriu o desfile militar. Nesta ocasión estivo composto por un batallón mixto, formado por cinco compañías, unha por cada un dos tres Exércitos, ademais das correspondente á Garda Real e a Garda Civil. Nesta cerimonia non adoitan participar o presidente do Goberno nin representantes das institucións principais, a diferenza do que sucede no desfile da Festa Nacional, o 12 de outubro.

Desde o Ministerio de Defensa lembrábase hoxe a a implicación dos militares, no último ano, nas operacións Balmis e Baluarte contra o coronavirus, na relacionada co temporal Filomena ou na de hai escasos días en Ceuta, ademais do seu labor en misións de paz, desde hai 30 anos, en distintas áreas do planeta. Precisamente, despois do desfile, Filipe VI trasladábase á sede do Estado Maior da Defensa para manter videoconferencias con militares desprazados polo mundo, entre eles os do buque escola da Armada Juan Sebastián Elcano.

Noticias web

29/05/2021