CRTVG

Buscar

O detido polo asasinato de Clara María Expósito négase a declarar

Publicado o 11/02/2020 15:49

Este era o momento en que Francisco Javier Belda chegaba ao xulgado de Lugo, oculto no asento de atrás do coche policial. Esta tarde cumpríanse as 72 horas da súa detención. El é o único investigado polo crime machista de Clara María Expósito. O seu corpo encontrouno a súa nai ensanguentado e con varias coiteladas no pescozo no cuarto de baño da súa vivenda.

Á espera do informe forense, a muller podería levar varias horas morta. Vivía soa neste edificio e dende había uns meses mantiña unha relación co seu presunto asasino.

Francisco Javier Belda é un vello coñecido das forzas de seguridade, conta con numerosos antecedentes policiais. Ao parecer, horas antes de ser detido, pode que confesara aos seus achegados que matara a súa parella durante unha discusión. Nas inmediacións da casa da vítima tamén aparecía un coitelo, que desenterraba o can dun veciño. Esta podería ser a arma homicida.

Os investigadores tamén analizan outros obxectos encontrados na vivenda e tamén buscaron para cotexar restos biolóxicos do detido na casa dos seus pais. Clara María Expósito é a décima vítima da violencia machista no que vai de ano. Tiña 49 anos e dous fillos.

Noticias web

11/02/2020