CRTVG

Buscar

O destino do cadáver de Rosario Porto e a herdanza, incógnitas por resolver

Publicado o 20/11/2020 14:19

A única visita que recibía Rosario Porto desde que entrou na cadea era a do seu avogado, Jose Luis Gutiérrez Aranguren. Pero desde que a trasladaron a Ávila, coincidindo co estado de alarma, a comunicación era telefónica e levaba dous meses sen saber dela. A nova da súa morte chegoulle a traves dos medios, pero non o colleu de todo por sorpresa.

Aranguren, que foi o principal confidente de Rosario nestes 7 anos, segue denfendo a súa inocencia.

O corpo de Rosario permanece no Instituto Anatómico Forense de Ávila, onde íinda non rematou a autopsia. Aranguren espera a coñecer os resultados para tomar unha decisión sobre o camiño legal a seguir. Asegura que nos últimos 7 anos a familia renegou dela, pero non sabe se agora se ocuparán do cadáver. Algunhas fontes apuntan a que uns amigos do pai de Charo terían intención de asumir os trámites funerarios.

Outra das incógnitas que queda aberta é a herdanza do seu avultado patrimonio. Aranguren descoñece se deixou testamento. Algunhas fontes cifran a fortuna de Porto en máis dun millón de euros: son dous pisos no centro de Santiago, un apartamento en Vilanova de Arousa e o chalé de Teo.

Se non houbese últimas vontades, o Código Civil establece que persoas son chamadas a herdar: neste caso, uns curmáns que lle quedan.

Se non houbese testamento e os curmáns aceptan a herdanza, o imposto de sucesións, tendo en conta o valor do patrimonio, sería bastante elevado. Tamén cabe a posibilidade de que a rexeiten e daquela o patrimonio de Porto iría parar ás arcas do Estado.

Noticias web

20/11/2020