CRTVG

Buscar

Prisión provisional para os sete tripulantes do Gure Leire

Publicado o 04/06/2019 09:13

• O barco chegou a Vigo con 2,5 toneladas de cocaína, valoradas en 80 millóns

• Seguían os seus pasos desde unha escala que fixo na Coruña

Esta mañá chegou ao porto de Vigo o buque Gure Leire, apresado días atrás con dúas toneladas e media de cocaína. Os sete tripulantes, seis mariñeiros galegos e vascos e mais o patrón e armador da embarcación, xa pasaron a disposición xudicial en Vigo. Foron detidos o pasado 27 de maio por orde do Xulgado Central de Instrución número 1 da Audiencia Nacional, quen por vía telemática decretou prisión provisional para todos.

A patrulleira Fulmar inteceptou o Gure Leire ao norte dos Azores cando poñía rumbo a Galicia con 2.500 quilos de cocaína procedentes de América do Sur. O valor da droga supera os 80 millóns de euros. En terra tamén se practicaron rexistros en tres domicilios do País Vasco, pero polo de agora non se practicaron máis detencións. 

Despois de facer noite fondeado nas illas Cíes, o palangreiro atracou no porto de Vigo á primeira hora da mañá escoltado pola patrulleira de operacións especiais Fulmar. A bordo viaxaban os sete detidos, mariñeiros galegos e vascos. Entre eles está tamén o patrón e armador da embarcación, un galego residente en Euskadi.

O Gure Leire foi apresado por orde do Xulgado Central de Instrución número 1 da Audiencia Nacional o pasado 27 de maio nos Azores, cando poñía rumbo a Galicia despois de cargar a cocaína que fora transportada nun buque nai desde América do Sur. O operativo forma parte dunha acción conxunta entre os servizos aduaneiros españois e franceses. 

O pesqueiro Gure Leire, con base no peirao biscaíño de Ondarroa, dedicábase á pesca do marraxo, de aí que a operación fose bautizada como Tiburón. Na adega do barco, xunto coas capturas, os investigadores atoparon 84 fardos de cocaína, 2.500 quilos de gran pureza que no mercado acadarían un valor superior a 80 millóns de euros. Había tempo que o Servizo de Vixilancia Aduaneira seguía os pasos da embarcación. 

Ademais das detencións en mar aberto, en terra foron rexistrados tres domicilios en Biscaia, en Ondarroa e Berriatua. A operación continúa aberta.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Noticias web

04/06/2019