CRTVG

Buscar

O desprendemento dun andamio en Pontevedra obriga a cortar a estrada a Marín

Publicado o 03/02/2021 14:39

A estrutura comezou a desengancharse de madrugada dos amarres que a suxeitaban aos pisos superiores dun edificio de cinco plantas. Foi seguramente a causa do temporal, e puido ser moito máis ca un susto.

"Susto ten que ser, loxicamente", di un veciño, "porque o andamio estaba para caer enriba dos coches ou de calquera persoa que puidera pasar por aquí". 

Por sorte o andamio non chegou a desprenderse, pero o risco de caída existiu, e obrigou a cortar os catro carrís da vía Marqués de Valterra ata ben entrada a mañá. É a estrada que une Pontevedra con Marín, así que houbo que buscar alternativas para todo ese tráfico.

"Había un bo follón na rotonda, mandáronos por riba", conta un veciño, que di que os operarios axiña chegaron con toda a maquinaria para reparar os danos. 

A circulación quedou restablecida nos catro carrís a media mañá, e seguen os traballos para volver asegurar a estrutura.

Noticias web

03/02/2021