CRTVG

Buscar

O descuberto 'Home Dragón' podería ser o noso parente homínido máis próximo

Publicado o 25/06/2021 17:30
O descuberto 'Home Dragón' podería ser o noso parente homínido máis próximo

Imaxe do cranio do 'Homo longi' | XIJUN NI

O cranio de Harbin, un dos fósiles humanos mellor conservados do mundo que acaba de ser estudado, é da especie Homo longi ou 'Home Dragón', unha nova liñaxe humana que, segundo os científicos chineses que o documentaron, pode ser o noso parente máis próximo. Outra volta na complexa evolución humana.

O fósil é o cranio humano máis grande que se coñece e ten 146.000 anos, o que o sitúa o Pleistoceno Medio, unha das épocas máis dinámicas na migración de especies humanas.

Un achado oculto

Aínda que foi descuberto na década de 1930 na cidade de Harbin, na provincia chinesa de Heilongjiang, o cranio permaneceu oculto (gardado pola familia do home que o atopou) ata 2018, cando foi doado á Academia de Ciencias da China.

Agora acaba de ser estudado por un equipo multidisciplinar chinés e os seus achados, que aparecen en tres artigos, publícanse hoxe na revista The  Innovation, do grupo Cell.

Os científicos catalogaron o fósil nunha nova especie humana á que chamou Homo longi ou "Home  Dragón" e que podería revolucionar a visión actual da evolución humana.

Trazos primitivos e un gran cerebro

"O cranio combina características primitivas e derivadas que o distinguen de todas as demais especies de Homo", afirma o profesor de Paleontoloxía da Universidade Hebei GEO. Quiang Ji, quen, por iso decidiu consideralo unha nova especie e bautizalo Homo longi.

Segundo describen os seus autores, o enorme cranio podía albergar un cerebro de tamaño comparable ao dos humanos modernos, aínda que tiña unhas concas oculares máis grandes e case cadradas, grosas cristas das cellas, unha boca ancha e dentes de gran tamaño.

Os científicos cren que se trata do cranio dun home duns 50 anos de idade, que vivía nunha contorna forestal e de chaira aluvial como parte dunha pequena comunidade e que, como os sapiens, cazaban, colleitaban froitas e verduras, e "quizais mesmo pescaban", explica Xijun Nin, profesor de primatoloxía e  paleoantropoloxía da Academia Chinesa de Ciencias.

Polo seu gran tamaño e o lugar onde se atopou o cranio, os investigadores suxiren que Homo longi puido adaptarse a contornas difíciles, dispersarse por toda Asia e, mesmo, atoparse co Homo sapiens durante o Pleistoceno medio.

Un parente próximo

Os autores chegan a unha segunda conclusión e suxiren que, Homo longi é un dos nosos parentes homínidos máis próximos, mesmo máis que os  neandertales.

"O noso descubrimento suxire que a nova liñaxe que identificamos e que inclúe ao Homo longi é o verdadeiro grupo irmán do sapiens", defende Nin.
Ademais, a reconstrución da árbore da vida humana que fan estes autores tamén suxire que o devanceiro común que compartimos cos neandertais existiu mesmo máis atrás no tempo.

"O tempo de diverxencia entre o H. Sapiens e os neandertais pode ser aínda máis profundo na historia evolutiva do que xeralmente se cre, máis dun millón de anos. De ser certo, é probable que diverxésemos dos neandertais uns 400.000 anos antes do que os científicos pensaban", advirte Nin.

Para os autores, os Homo longi eran humanos fortes e robustos e as súas posibles interaccións co Homo sapiens poderían moldear a nosa historia.
"En conxunto, o cranio de Harbin proporciónanos máis probas para entender a diversidade dos Homo e as relacións evolutivas entre estas diversas especies e poboacións de Homo. Atopamos a nosa liñaxe irmá perdida hai tempo", conclúe Nin.

Debate aberto

O  paleoantropólogo do Consello Superior de Investigacións Científicas Antonio Rosas está de acordo en que as análises deste fósil humano poden "influír fortemente na investigación futura sobre a evolución humana", xa que conteñen "un punto revolucionario, con implicacións en varios aspectos clave da evolución do xénero Homo", detalla a EFE.

E aínda que ao investigador español preocúpalle que os autores desen moito peso a certas características faciais que se consideran como derivadas en paleontoloxía, recoñece que os trazos morfolóxicos do rostro poden ser, de feito, "características primitivas herdadas dun devanceiro común".

"Sen dúbida, o debate está servido", conclúe o  paleoantropólogo do CSIC.