CRTVG

Buscar

O descenso de actividade na central das Pontes fai que o porto de Ferrol peche o peor ano da última década

Publicado o 08/01/2020 10:35

O porto de Ferrol pecha 2019 co peor dato de tráfico dos últimos dez anos. Un mal dato motivado polo descenso da actividade na central térmica das Pontes. 

O presidente da autoridade portuaria de Ferrol-San Cibrao, José Manuel Vilariño, explicou no Bos días que "xa hai seis meses que viñamos anunciando estes datos. O ano comezou e facemos balance do pasado, que non é bo, pero o previsto: 11,1 millóns de toneladas, que supón case un 20 por cento menos que con respecto ao 18 e ao 12, que foron os mellores deste porto. A causa son dúas mercadorias: o carbón, que a mediados de ano deixou de entrar polo porto, e tamén a bauxita".

Non obstante, desde a autoridade portuaria, busca alternativas que melloren os datos de cara aos próximos anos. O seu responsable di que as previsións son boas, en parte polas escalas de cruceiros, pero sobre todo porque cren que "ten un bo posicionamento no Atlántico e un porto exterior de augas profundas que permite ter unha boa posición no tráfico de contedores", e tamén como subministradores de GNL para os grandes barcos.

Noticias web

08/01/2020