CRTVG

Buscar

O derrubamento dun edificio en Peñíscola deixa polo menos dous desaparecidos

Publicado o 25/08/2021 21:46
O derrubamento dun edificio en Peñíscola deixa polo menos dous desaparecidos

Buscan sobreviventes entre os cascallos dun edificio de tres andares que se derrubou en Peñíscola. Hai constancia de que cando caeu había persoas no interior. No lugar traballan varias unidades de bombeiros de Castellóns e cans adestrados en rescate e desentullo. O suceso ocorreu sobre as oito da tarde. No edificio de tres andares hai unha vintena de apartamentos.

A Garda Civil confirma que son dúas as persoas desaparecidas tras o derrubamento  O inmoble derrubouse ás oito da tarde e non se descarta que o suceso teña relación coa forte chuvia que sufriu hoxe a localidade. Nas tarefas de busca dos dous desaparecidos traballan varios equipos de bombeiros de Castellón co apoio dunha unidade canina especializada en rescate entre cascallos.

Localizan unha persoa atrapada

Os bombeiros do Consorcio de Castelló están a traballar en asegurar a estrutura do edificio que se derrubou na localidade de Peñíscola para poder chegar ata a persoa atrapada que foi localizada, xa que existe risco de derrubamento das instalacións.

Segundo fontes oficiais, esta persoa está consciente e puido comunicarse co operativo de rescate.

Nestes momentos a prioridade é asegurar a zona para poder acceder a unha das dúas persoas atrapadas que xa foi localizada, e que os cans da unidade canina están tentado chegar ata ela.

Pola súa banda, o alcalde de  Peñíscola, Andreu Martínez, que se desprazou ata o lugar do sinistro para seguir o desenvolvemento dos labores de rescate, explicou a EFE que o edificio da urbanización Font  Nova que se derrubou estaba formado por entre 18 e 20 apartamentos, habitualmente destinados a segundas residencias.

Algúns puideron fuxir

O alcalde de Peñíscola (Castelló), Andrés Martínez, asegurou este mércores que houbo persoas que se atopaban no edificio derrubado esta tarde na localidade e ás que lles deu tempo a saír antes do colapso da estrutura.   

"Houbo xente á que lle deu tempo a saír. Hai que esperar e rezar para que a xente que está atrapada se poida rescatar", sinalou en declaracións a RTVE recollidas por Europa  Press. O primeiro edil confirmou que as noticias que se teñen con certeza é que hai dúas persoas atrapadas no derrubamento, pero débese esperar para rescatalas porque os entullos están encima do solar e os labores de rescate "non cesaron desde o primeiro momento".   

Así mesmo, indicou que os propietarios teñen un grupo de WhastApp e agora estase pescudando se cada unha das propiedades estaba alugada ou non. A Garda Civil está a investigar as circunstancias nas que se produciu o derrubamento do edificio, situado na urbanización Font Nova.

 

Noticias web

25/08/2021