CRTVG

Buscar

Condenan o deputado de Podemos Alberto Rodríguez pola agresión a un policía

Publicado o 07/10/2021 10:02

• A pena de prisión dun mes e 15 días decretada polo Supremo substitúese por unha multa de 540 euros 

• A sentenza, contra a que anuncia recurso ante Estrasburgo, supón a suspensión da condición de deputado durante os 45 días

A Sala II do Tribunal Supremo condenou a un mes e 15 días de prisión o deputado de Unidas Podemos Alberto Rodríguez Rodríguez como autor dun delito de atentado a axentes da autoridade, coa atenuante moi cualificada de dilacións indebidas e coa accesoria de inhabilitación especial para o dereito de sufraxio pasivo durante o tempo da condena. Con todo, a pena de prisión foi substituída por unha multa de 90 días con cota diaria de 6 euros (en total, 540 euros). 

Así, Rodríguez é absolto dun delito leve de lesións, como consecuencia da despenalización das faltas en 2015, aínda que terá que pagar 50 euros como indemnización de responsabilidade civil ao axente do Corpo Nacional de Policía ao que, segundo os feitos probados, propinou unha patada nunha manifestación en 2014 en La Laguna (Tenerife). O fallo engade que se notifique a sentenza á Xunta Electoral Central para os efectos oportunos.

A sentenza tamén inclúe inhabilitación e perda do escano no Congreso durante o tempo que dure a condena. O Tribunal considera probado que lle propinou unha patada a un axente da Policía Nacional durante unha manifestación contra a LOMCE, en 2014, en Tenerife. A sentenza recolle que a condena de prisión poderá substituírse polo pago de seis euros diarios durante 90 días, un total de 540 euros, e o traslado da resolución á Xunta Electoral Central.

Tras coñecerse a decisión do Supremo, Alberto Rodríguez anunciou a súa intención de recorrer ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) de Estrasburgo, ante o que cualificou como "o descrédito da xustiza española".

Nun chío publicado na súa conta persoa en twitter, Rodriguez asegura que se foi condenado "sen ningunha proba obxectiva", en referencia a que prevaleceu a palabra do axente de policía, e destacou que se ditou con "dous votos particulares demoledores en contra".

A vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz, recomendou esperar ao recurso que vai presentar á condena. Deixou claro que "hai que respectar as resolucións xudiciais", pero que tras presentar o recurso haberá que estar "á expectativa do que resolvan".

"Hai votos particulares. Coñezo moi ben o caso de Rodríguez e a miña solidariedade co mesmo", dixo ás preguntas dos xornalistas.

A sentenza

A sentenza considera probado que o 25 de xaneiro de 2014, na localidade de La Laguna, con ocasión da reapertura da catedral, organizáronse distintos actos aos que estaba previsto que asistise o daquela ministro de Educación e Cultura José Ignacio Wert. A Policía organizou un dispositivo nas inmediacións ao ter coñecemento de que se convocou unha manifestación baixo o lema "Rexeitamento á LOMCE". Nesta concentración atopábase o acusado Alberto Rodríguez Rodríguez.

O relato engade que "no curso dos enfrontamentos físicos que, como consecuencia da actitude violenta dalgúns dos congregados, tiveron lugar entre estes e axentes policiais, o acusado Alberto Rodríguez Rodríguez (…), que nese momento se atopaba entre os primeiros, propinou unha patada no xeonllo ao axente, quen sufriu unha contusión da que curou nun día sen impedimento para as súas actividades habituais".

Relato do acusado 

En canto á manifestación do acusado, que atribuía as declaracións do axente ao que considera unha práctica habitual da policía consistente en afirmar falsamente que unha persoa, que se caracterizou pola súa actividade noutras manifestacións, está presente naquela sobre a que informa e desenvolveu nela actitudes violentas, a sentenza sinala que non está avalada por ningunha proba, e lembra que o axente declarou que coñecía o acusado doutras manifestacións anteriores nas que mantivera un comportamento normal.

"De maneira que, na data dos feitos, en opinión da testemuña, o acusado non era unha persoa significada pola súa actitude especialmente activa ou violenta nas manifestacións, e, ademais, entón carecía de relevancia política", din os maxistrados.
 
A sentenza considera que neste caso concorren todos os elementos esixidos polo tipo penal de atentado a axentes da autoridade. Os maxistrados lembran que, segundo a súa xurisprudencia, este delito consúmase co ataque ou acometemento mesmo aínda que non se chegue a golpear ou agredir materialmente ao suxeito pasivo.
 
E respecto do tipo subxectivo, para o tribunal "tampouco xorden dúbidas de que o acusado non só sabía que o axente se atopaba no exercicio das súas funcións, senón tamén que patealo no xeonllo constitúe un acto de agresión".

A pena 

En canto á individualización da pena, a sentenza explica que a Fiscalía propoñía rebaixala nun grao ao aplicar a atenuante de dilacións indebidas como moi cualificada. O Supremo, con todo, estima que o resultado da aplicación desa atenuante debe ser unha maior rebaixa da pena, en dous graos, ao non estar xustificada a extensión da duración total da causa —de 7 anos desde que ocorreron os feitos— carecendo a mesma de calquera complexidade.