CRTVG

Buscar

O Deportivo Xuvenil remonta en Riazor acompañado por máis de oito mil afeccionados

Publicado o 21/10/2021 20:09

Hai dous condicionantes básicos para unha remonta. O primeiro reúne capacidade e convicción.

"Con confianza. Pero sabendo que lles podemos facer dano en ataque", dixo Manuel Pablo o día antes do partido sobre as posibilidades de darlle a volta ao marcador da ida. 

O segundo condicionante é o ambiente...

"Agardamos un gran Riazor, onde imos dalo todo. E iso tennos que dar a confianza de que a remonta é posible", explicou o adestrador 24 horas antes do encontro. 

De todo iso houbo en Riazor. Nas bancadas 8.522 afeccionados. No campo, once xogadores convencidos de que a remonta era posible. A primeira parte tivo de feito tan só unha cor, a local. E cada balón pelexábase como se fora o último. En 36 minutos a eliminatoria estaba igualada. Rubén, coa axuda dun defensa rival, Víctor Guerra e Nájera confirmaron que había base para a esperanza. E que dicir de David Mella, sempre disposto á carga. Os primeiros 45 minutos do Deportivo foron impecables.

"Todos deixaron a vida e todos acabaron mortos", asegurou Manuel Pablo.

O Deportivo acusou ese desgaste na segunda metade. Con moitos dos xogadores fundidos, o Pogon fíxose co control do partido durante unha parte. Dominaba o esférico e ata dispuxo de ocasións claras. Así que Manuel Pablo refrescou o equipo e o Dépor resucitou nos minutos finais. Co tempo cumprido, como manda o guión das grandes fazañas, Padín culminou a xesta... e aí rebentou Riazor.

"Só había que prender o lume para que Riazor estalase. Sabiamos que a alma estaba aí fóra e que nós tiñamos que poñer o resto", dixo Manuel Pablo despois do partido. 

 "Á hora de celebrar aínda non sabes moi ben como facelo. Rodeado de tanta xente, cos sentimentos a flor de pel... foi espectacular", asegurou Brais Suárez, moi emocionado tras a vitoria. 

Nada representa máis o esforzo e maila tensión do grupo que a emoción de Brais. O equipo avanza á segunda rolda da Youth League, onde se medirá co Maccabi Haifa israelita. A ida, o 3 de novembro na Coruña.

Noticias web

21/10/2021