O Deportivo viaxa en liña ascendente
Os coruñeses gañaron cinco dos seis últimos partidos
Cuadraxésima xornada de Liga. Hai escasamente un mes, o Deportivo recibía ao cuarto clasificado, o Mallorca nun partido chave para loitar polo ascenso a Primeira.
Durante os noventa minutos, os baleares foron superiores e contaron coas mellores oportunidades de gol.
Pero un penalti no engadido convertido por Carlos Fernández trocou radicalmente as dinámicas dos dous equipos.
Se contamos ese encontro, o Mallorca levou unha traxectoria descendente na que só gañou un partido, empatou dous e perdeu tres.
Pola contra, os coruñeses tomaron unha liña claramente ascendente na que sumaron cinco vitorias e un empate, rematou imbatido en cinco partidos e só recibiu dous goles na primeira eliminatoria de ascenso ante o Málaga.
A vitoria do pasado xoves en Riazor supuxo o cuarto triunfo consecutivo dos herculinos no seu estadio, logo dunha segunda volta na que non gañaron un partido ata o choque contra os mallorquíns.
Haberá que ver agora cal é o rendemento do equipo fóra da casa tras unha temporada na que foi o cuarto mellor visitante da Segunda división, na que logrou 30 puntos e só sufriu cinco derrotas, precisamente unha delas en Son Moix.
De tódolos xeitos, os coruñeses seguro que asinarían o mesmo resultado da primeira volta. O un a cero favorable ao Mallorca bastaríalle aos coruñeses para ascender á Primeira división.