CRTVG

Buscar

O Deportivo vence pola mínima a Ponferradina

Publicado o 03/08/2019 21:59

O estadio da Madalena acolleu o quinto encontro do Deportivo na pretemporada, ante un rival directo e óptimo para medir forzas ante unha nova campaña na segunda. Malia que os coruñeses comezaron tendo máis a pelota e incluso xeraron boas ocasións, foi a Ponferradina a que gozou das mellores oportunidades. Como esta que tivo Ríos Reina ao bote dunha falta que detén Dani Giménez cunha boa estirada. E repetiu o porteiro vigués cunha boa intervención á saída dun córner, rematado tamén por Ríos Reina.

Veulle ben ao Dépor o descanso á media hora de xogo para refrescarse da calor que ía en Vilalba. Pero semella que de pouco serviu o que lles rifou Anquela, porque de novo os deportivistas deixaron que fosen os leoneses os que collesen o mando. Deles foron as mellores ocasións, sobre todo as que saíron dos pés de Isi, moi activo durante todo o partido e que aquí enviou o balón ao pau.

Non mellorou moito o xogo do Dépor tras o recomezo, aínda que si tivo mellor resultado. Isi derruba a Borja Galán nada máis pisar a área e o árbitro non dubida en sinalar penalti. Borja Valle transforma a pena máxima acadando o único gol do partido. Derrota dos bercianos e bágoas, as que soltou Buenacasa, a quen trata de consolar Jon Pérez. Acababa de entrar e tivo que saír a causa dunha lesión muscular.

O Dépor aínda puido aumentar a vantaxe con esta ocasión de David Sánchez a pase de Fede Cartabia. Os bercianos non se viñeron abaixo e intentaron empatar con este remate acrobático de Bolaños. Vitoria sen convencer do Deportivo, que vai afinando os instrumentos de cara ao comezo da verdadeira temporada de concertos.

Noticias web

03/08/2019