CRTVG

Buscar

O Deportivo somete o Málaga e soña co ascenso

Publicado o 13/06/2019 17:38

O Deportivo sae do encontro coa sensación de ser un bloque compacto e con calidade. Remontou e afronta a volta en Málaga con seguridade e confianza. O Deportivo colle impulso para o ascenso logo dun partido de alternativas no que os galegos tiveron que remar en contra moitos minutos.

O Málaga marcou non chegados os vinte minutos: xoga na banda Ontiveros con caneo e centro á área pequena onde Luis Hernández busca o coiro, adiantase a todos e bate a Dani Giménez picando abaixo. O Dépor non deu pé ás dúbidas e dous minutos após de encaixar gol unha revirada a cegas de Ricca dentro da área malagueña tira a David Simón que chegaba a pisar o quinterio con decisión. Execución top de Carlos Fernández dende o punto fatídico e volta a comezar con igualdade no marcador. O Málaga non se asusta e dá outro golpe certeiro ao queixo deportivista con este golazo de Ontiveros pasada a media hora. No bico da área, e con espazo, conecta unha patada dirixida ao balón que enchufa pola escadra esquerda de Dani Giménez.

Un a dous, descanso e reacción inmediata do Deportivo nada máis volver dos vestiarios. Movemento de tiraliñas do equipo de Martí con xogadores a correr os espazos e Cartabia centrando raso ao punto de penalti. Ao acoplamento co coiro chega Pedro para bater a Munir co lanzamento a porta e devoler o partido ao empate. Xogábase a tomba aberta e Cartabia aproveita para o terceiro local nun balón que andaba ás minchas pola área e levanta con xeito para o remate na mesma liña de gol de Carlos Fernández. Era o dous a tres e os coruñeses non quixeron deixar marchar ao Málaga cunha ferida menor. Dez minutos despois do Borja Valle marca o cuarto. Caído á esquerda tira a porta con convicción e co balón a rasear e a envelenarse, Munir non mide entre el e o pau e a pelota colle o camiño da rede deixando ao Málaga tocado, pero non eliminado.




 

Noticias web

13/06/2019