CRTVG

Buscar

O Deportivo pide a repetición da xornada ou unha liga de 24 equipos

Publicado o 21/07/2020 20:53

O Deportivo quere esgotar a vía deportiva antes de recorrer a outras instancias e reclamar un posto na segunda categoría. "Cando imos xogar? Dentro de 15 días? O Deportivo segue pedindo que a xornada se repita, que se anule a xornada", aclara Fernando Vázquez.

"E se iso non é posible porque algún club se sinta agraviado, temos que permanecer tanto nós como o Numancia, que fomos prexudicados, en Segunda División. Non hai outra". engade Richard Moar, asesor deportivo do club coruñés.

"Nós queremos que se xogue outra vez e competir polo menos, que estamos no noso dereito. Toda a xornada, por suposto", dixo o centrocampista Peru.

O club coruñés non contempla o descenso e di que aínda está lonxe o momento de empezar a falar cos xogadores sobre a vindeira temporada.

"Ti non podes descender un equipo que non deixaches competir", razoa Vázquez.

"É imposible que ao equipo, sen repetir a derradeira xornada, o poidan descender ", comenta Barral.

No Deportivo tamén se fan as preguntas que só pode responder o Fuenlabrada.

"É difícil entender para min por que, sabendo iso o Fuenlabrada, a pesar de todo, viaxa a Galicia", responde o adestrador.

O club coruñés confirma que a Liga quería aprazar todos os partidos.

"Temos coñecemento de que a Liga, media hora antes de empezar os partidos, tiña a decisión de suspender a xornada", confesou Barral.

Os xogadores terán unhas xornadas de descanso e quedarán a disposición do club para os vindeiros días. Nun comunicado consideran que a disputa da xornada é un atropelo e que para eles todo o sucedido non ten validez á hora de determinar o desenlace da liga.

Noticias web

21/07/2020