CRTVG

Buscar

O Deportivo Liceo debuta na OK Liga cun triunfo ante o Barça

Publicado o 21/09/2019 14:18


Da igual como sexan as circunstancias. Non hai temporadas de transición para o equipo máis laureado do deporte galego. O Deportivo Liceo cumpre estes días 40 anos na elite do hockey sobre patíns. 40 anos de pelexa contra xigantes. Cun conxunto totalmente renovado, a fé dos xogadores e o traballo de Juan Copa desde o banco fixeron posible o triunfo ante o todopoderoso Barça para inaugurar a OK Liga. Logo de 52 partidos sen perder, o equipo catalán caeu nun partido ligueiro. Un choque intenso que os liceístas controlaron sobre todo no primeiro tempo. O arxentino Franco Platero inaugurou o marcador no minuto 11, e sen tempo para que os barcelonistas puideran reaccionar, no minuto seguinte, e noutra transición rápida da bola, Marc Grau situaba o dous a cero na marcador. Quedaba un mundo, pero ese resultado mantívose ata os últimos segundos do partido. Os dous equipos desperdiciaron accións a bola parada. Carles Grau fíxose xigante na portería liceísta, e só un coruñés, Ignacio Alabart. lograba marcar para o Barça a falta de medio minuto de xogo, sen tempo para nada máis. Un Alabart abraiado polo ambiente do Pazo dos Deportes de Riazor, como na época do seu pai. Así o dicía
"Este equipo meréceo, a afección tamén e oxalá que o hockey coruñés volva a representar para a Coruña o que representou na época do meu pai, que era unha gozada. Xogar cun pavillón así, independentemente do resultado, é un privilexio". Mentres, o adestrador liceísta, Juan Copa, estaba moi contento "Hoxe era unha responsabilidade, porque sabíamos que habería moita xente, Estou moi contento porque demostramos que que podíamos dar unha boa imaxe, e xa gañando mellor. O luns a traballar, isto é moi longo, o Barça é un equipazo e vai ir a máis. Pero penso que esta xente que estaba en Riazor pode engancharse e vir a moitos partidos"
Afección e equipo responderon na primeira xornada. A temporada promete emocións intensas para o Deportivo Liceo.

Noticias web

21/09/2019