CRTVG

Buscar

O Deportivo Liceo agarda que se completen as competicións nacionais

Publicado o 04/04/2020 19:25

Coma tantos outros deportes, o hóckey sobre patíns busca solucións para acabar a temporada. A Federación Española celebrou hoxe unha xuntanza telemática na que se fixo fincapé na intención de completar as competicións nacionais. Na OK Liga falta unha xornada da fase regular, máis os playoff. No Deportivo Liceo, segundo clasificado, agardan novas ao respecto, tal e como afirma o adestrador, Juan Copa, quen di que agardan polas novas, como todos os deportes, para ver se se pode retomar a competición, sobre todo a liga, porque a Copa de Europa parece claro que non vai continuar.

Pois sen competición europea, aínda quedaría en pé a xoia da coroa da temporada liceísta. A Copa do Rei que se ía disputar na Coruña no mes de marzo. Posposta en principio para xuño, pero con outras alternativas a proposta do club organizador, como avanza Juan Copa, que di que o Liceo xa lle deu outras datas á Federación, como poder xogar en setembro.

Para eses compromisos prepárase un Liceo acollido a un ERTE para facer fronte á crise. Segue o traballo físico, pero falta algo fundamental. Copa di que os xogadores están a facer o traballo físico que lles manda o preparador Óscar Viana cada semana. Pero está claro que faltan os patíns.

Xa veremos cando, pero o hóckey volverá, e os patíns tamén, para poder gozar de fermosos goles sobre a pista.
















 

Noticias web

04/04/2020