O Deportivo de Fernando Vázquez, ilusiona
O Deportivo vive horas decisivas en pleno tránsito de ano. Colista da Segunda, con só dúas vitoria en 21 datas de campionato, a chegada de Fernando Vázquez actúa xa como lévedo moral e pegamento entre equipo e afección.
Vázquez case salva ao Deportivo de irse a Segunda en 2013 nunha situación límite e utilizando a mesma medicina que agora trae na guía de primeiros auxilios: unidade. Por iso a afección con memoria recibíu ao de Castrofeito esta semana coma un meigo.
Todas as miradas se dirixen agora aos xogadores, moi mal vistos. A roda dos recambios xira por Abegondo e o presidente botouna a andar o mesmo día da chegada de Vázquez.
O media punta turco Emre Çolak volve vestir a branca e azul para botar un pé na zona creativa dun Deportivo que xera pouco perigo aos rivais. O centro do campo tamén podería reforzarse con Celso Borges. O costarriqueño quere volver pero aínda ten un ano máis de contrato no Göztepe turco. Os seus quince goles nas tres temporadas na Coruña serían ouro puro nas actuais circunstancias.
E mentres se remexe a pota das fichaxes o calendario non perdoa e o domingo agarda o Numancia, en Soria, para pasarlle o primeiro exame a un Vázquez e un Deportivo que non van ter outra que sumar.
A visita do actual xogador do Flamengo Filipe Luis foi unha máis das adhesións que o deportivismo recibe nesta hora agre da súa historia deportiva. Por apoios non vai quedar que o Dépor se salve.