CRTVG

Buscar

O Deportivo confirma a súa presenza na vindeira 1ª RFEF, o Rácing seguirá pelexando ata a última xornada

Publicado o 03/05/2021 19:48

O Deportivo elixiu o día que se despedía de Riazor para resolver a súa temporada, confirmou cunha goleada a súa continuidade na Primeira Federación. 5.000 seareiros se achegaron ao estadio coruñés e 5 goles meteu o equipo de Rubén de la Barrera. "O Deportivo precisa a xente, a xente precisa o Deportivo e iso é o que me levo no día de hoxe", concluíu o técnico deportivista.

Tamén pode precisar ao Deportivo o Rácing de Ferrol. Os ferroláns son segundos con 2 puntos de vantaxe sobre o vindeiro rival dos herculinos, o Numancia. O empate do sábado deixa todo pendente da última xornada en que os ferroláns visitan o Marino de Luanco e Cristóbal non dubida de que os seus darán a talla. "É un equipo que está competindo ben, que o deixa todo no campo e logo poden saír as cousas mellor ou peor pero aí é onde se cimentan os equipos", asegurou o adestrador departamental.

Alleo a todos eses apuros está o Compostela que apañou unha nova derrota na casa. Logo dunha espléndida primeira fase, os santiagueses non gañaron ningún dos últimos 5 partidos.

"Marchamos de vacacións demasiado pronto ou non estamos ao noso mellor nivel. Iso fainos pensar que a primeira fase nos pasou factura", recoñece Iago Iglesias, adestrador da S.D.

Na fase pola permanencia quedan aínda tres partidos. Pontevedra é líder e Coruxo segundo, o descenso está a 4 puntos dos granates que por fin se reencontraron coa vitoria. "Precisabamos gañar si ou si, si ou si. Creo que son 5 partidos sen gañar, penso que son 3 partidos con portería a 0", dixo Luisito tras o encontro.

E o Coruxo colleitou un empate ante o filial do Spórting que lle sabe a pouco, como recoñece Míchel Alonso, porque ata o minuto 86 ía gañando: "Faltando 3 minutos para rematar o partido, marchamos fastidiados, pero dámoslle importancia ao punto"