O Deportivo anuncia un ERE para todo o persoal, xogadores incluídos
O Deportivo da Coruña acaba de anunciar un ERE para todo o persoal, xogadores incluídos. A través do primeiro executivo, David Villasuso, o club comunica aos traballadores o inicio do Expediente de Regulación de Emprego. Haberá despidos nun fondo proceso de reestruturación do cadro de persoal.
O club, propiedade de Abanca, que ten o 80 por cento das accións, pechou a pasada tempada con nove millóns de euros de perdas. Aínda así, afronta a nova campaña con nove fichaxes, co obxectivo de conseguir o ascenso.
O club galego, o único dos nove campións de Primeira División que está fóra do fútbol profesional, informa os seus traballadores de que está inmerso nun proceso colectivo de extinción de contratos pola grave crise económica que atravesa e que demanda unha reestruturación do persoal.
A entidade branquiazul estimou unhas perdas de nove millóns de euros na tempada 2020/21, que se pechou o pasado 30 de xuño e números vermellos tamén para o curso actual en Primeira Federación.
Desde o ano pasado, o Deportivo é propiedade da entidade financeira Abanca, que pasou de principal acredora a máxima accionista ao converter 35 millóns de euros de débeda en accións e controlar así case o 80 por cento do capital social. Ademais deste anuncio, o conxunto coruñés decidiu externalizar a xestión da clínica do club e das tendas oficiais.
O ERE permitiralle reducir o custo do persoal, con contratos que pretende deixar de asumir na campaña 2021/22. Entre os xogadores que máis soldo perciben están o centrocampista Uche Agbo, o internacional costarriqueño Celso Borges e o dianteiro uruguaio Diego Rolan.