O Deportivo agarda continuar a serie gañadora contra a Ponferradina
Publicado o 27/06/2020 11:17
Fernando Vázquez cre nas xeiras gañadoras. As vitorias chaman unhas polas outras. Como asegura Vázquez "temos máis posibilidades de gañar esta fin de semana por gañar en Elxe que as que teriamos se perdéramos. Se gañamos o segundo partido, todo podería vir máis rodado".
Contra a Ponferradina non quere que se volva ver o equipo do segundo tempo de Elxe. O Deportivo terá máis días de descanso entre partidos nas tres vindeiras xornadas. Vázquez seguirá coas rotacións, aínda que recoñece que ten problemas nalgunhas liñas, sobre todo na liña defensiva.
Unha contractura nos isquiotibiais deixa fóra do partido a Keko Gontán. A recuperación de Peru non vai tan rápida como se agardaba, pero non se descarta para o seguinte partido en Tenerife.