CRTVG

Buscar

O delegado do Goberno non descarta novas detencións polo crime de Samuel

Publicado o 09/07/2021 12:37

O delegado do Goberno, José Miñones, afirmou durante unha visita á Universdade de Santiago de Compostela, que non se descarta que nos vindeiros días se produzan novas detencións de persoas involucradas no asesinato de Samuel Luiz.

Os catro detidos pola malleira ao mozo coruñés pasaron este venres á disposición xudicial. Durante a visita institucional, Miñones felicitou as forzas de seguridade polo seu labor na investigación. 

Nun primeiro momento agardábase que só tres dos catro mozos detidos pasasen á disposición xudicial; non obstante, despois dos testemuños do cuarto arrestado deduciuse que este último tamén foi “partícipe” dos feitos.  

Miñones recoñeceu que é “aparente” que as persoas implicadas “non coñecían a Samuel” e que tampouco tiñan antecedentes penais.

O delegado do Goberno tamén asegurou que se segue facendo un visionado das imaxes, e remitiuse ao segredo de sumario para non dar máis detalles. 

“Hai que ir con calma e con prudencia”, di Miñones. Deste xeito, prefire deixar que a investigación continúe e que sexa a xuíza a que decida como proceder.