O defensor do pobo de Cataluña relaciona o déficit da Sanidade cos pacientes do resto do Estado que van operarse alí
O defensor do pobo catalán alertaba así do custo que lle supoñen os pacientes do resto de España á sanidade catalá, a que ten máis xente agardando por unha intervención.
Rafael Ribó, defensor do pobo de Cataluña: "A sanidade pública de Cataluña é dunha calidade excelente. A proba é que veñen doutras comunidades autónomas operarse en Cataluña, eu non sei se esta é a lista de espera máis longa. Depende de como o enfoquemos".
Rafael Ribó respondía así ao ser preguntado polas listas de espera, e as súas palabras, ao relacionalas con pacientes de fóra, acenderon a polémica. No Parlamento catalán, varios grupos pediron unha rectificación que non chegou, porque Ribó mantén que co que dixo non os culpa do déficit da sanidade en Cataluña.
Rafael Ribó, defensor do pobo de Cataluña: "O defensor non se vai retractar do que non dixo. É radicalmente falso".
Segundo os datos do Ministerio de Sanidade, a taxa de pacientes en lista de espera en Cataluña é a máis alta de toda España. A espera media para ser operado é de 146 días, trinta máis que a media española.