O Defensor do Pobo avala a limitación autonómica de dereitos sen estado de alarma

O Defensor do Pobo ve constitucional que as comunidades acorden, coa lexislación vixente e sen necesidade do estado de alarma, medidas de protección de saúde pública que "supoñan limitacións temporais de dereitos fundamentais de alcance xeral".
No seu informe anual, presentado este xoves, a institución avala que as comunidades o fagan "sempre que xustifiquen axeitadamente, en calquera caso, a súa necesidade, idoneidade e proporcionalidade".
O documento publícase pouco antes de que expire o estado de alarma e coincide precisamente co debate aberto sobre o novo escenario que se debuxa para conter o virus sen este paraugas de excepción, que leva vixente desde finais de outubro.
O Defensor recoñece que existe un debate doutrinal e amosa o seu pleno respecto "ás opinións discrepantes, ás decisións dos órganos xudiciais e ao pronunciamento último que, no seu momento, poida emitir o Tribunal Constitucional".
Dereitos e bens protexidos pola Constitución
Sostén que nun contexto de crise sanitaria están en xogo os dereitos á saúde, á vida e á integridade física, ademais da protección da saúde pública, dereitos e bens protexidos pola Constitución.
Por iso, explica o Defensor, a lei de medidas especiais en materia de saúde pública (LOMESP) permítelles ás autoridades sanitarias autonómicas a adopción de medidas que limiten dereitos fundamentais de xeito xeral, nunha situación concreta de grave risco para a saúde pública como o é a pandemia da covid-19.
Lembra que o artigo 3 desa norma di que para controlar as enfermidades transmisibles, a autoridade sanitaria pode adoptar as medidas oportunas "para o control de doentes, das persoas que estean ou estivesen en contacto cos mesmos e do medio ambiente inmediato, así como as que se consideren necesarias en caso de risco de carácter transmisible".
"En suma, o Defensor do Pobo estima que resulta constitucional que as autoridades sanitarias autonómicas, nun contexto de emerxencia sanitaria e dentro do marco xurídico mencionado, en especial ao amparo do artigo 3 da LOMESP, acorden medidas de protección da saúde pública que supoñan limitacións temporais de dereitos fundamentais de alcance xeral", subliña.
Cita, así mesmo, como complemento a esa norma, outras como a Lei xeral de sanidade e a de saúde pública.