CRTVG

Buscar

O debate de política xeral deixa deberes para o Goberno central, pero poucos acordos

Publicado o 15/10/2021 15:49

• Unanimidade na Cámara para esixir ao Estado que as contas cubran as "necesidades históricas" en infraestruturas

O debate de estado de autonomía pechouse con menos propostas de resolución aprobadas que en anos anteriores, pero algunhas delas son de gran calado. Con todo, os tres grupos da Cámara galega acordaron demandar ao Goberno de España que impulse a aprobación duns orzamentos xerais do Estado para 2022 que "teña en conta as necesidades históricas" de Galicia en materia de infraestruturas.

O pacto materializouse por mor dunha proposta de resolución rexistrada polo PPdeG e á que mostraron o seu apoio nacionalistas e socialistas na última sesión do Debate sobre o Estado da Autonomía, na que se aprobaron 48 iniciativas, nove delas por unanimidade. O texto desta proposta sinala, especificamente, que deben dotarse as partidas necesarias para desbloquear o avance das autovías estatais de vertebración de Galicia; estender as bonificacións da AP-9 á autovía estatal de conexión Santiago-Ourense, a AP-53

O Grupo Popular chegou a un acordo co PSdeG para instar a Xunta a que cree dúas mil novas prazas públicas nas residencias de maiores antes do final da lexislatura; unha proposta que non obtivo o apoio do BNG, que ía máis aló e pedía a recuperación da xestión pública de todas as residencias de titularidade autonómica.

O Grupo Popular e o Grupo Socialista tamén chegaron a un acordo para seguir afondando no autogoberno, rexeitando as posicións independentistas e a autodeterminación, unha transacción que obtivo o voto en contra do BNG.

Si que houbo acordo entre nacionalistas e populares no que respecta á alta velocidade. Acordaron demandar ao Goberno central que o AVE chegue a Galicia este outono pero con trens Avril que garantan tempos de viaxe máis competitivos. Na proposta tamén piden a modernización da rede ferroviaria galega e rebaixas de prezos nos billetes.

En total aprobáronse 40 propostas de resolución: 36 do grupo popular, dúas do PSdeG e outras 10 transaccionadas entre os grupos.

Noticias web

15/10/2021