CRTVG

Buscar

O de San Xoán de Río é o segundo accidente mortal de caza nesta temporada

Publicado o 20/01/2020 17:28

Pendentes do resultado da investigación, todo parece indicar que unha bala que rebotou nunha pedra foi a que matou onte un cazador en San Xoán de Río, durante unha batida contra o xabaril. É o segundo accidente mortal da temporada en Galicia. Desde a Federación Galega de Caza advirten da importancia de respectar o regulamento e, sobre todo, actuar con precaución.

Unha fatalidade, é o que ocorreu onte no tecor de San Xoán de Río, segundo os participantes na batida que lle custou a vida a un veciño de Paderne de Allariz, de 63 anos. Un cazador con experiencia que faleceu, supostamente, polo disparo doutro compañeiro, ao rebotar a bala contra unha pedra.

Antonio Rodríguez Domínguez, Presidente do tecor de San Xoán de Río: "Unha das hipóteses é que fora o rebota dunha bala dun compañeiro, que lle disparara ao xabaril, rebotara contra unha pedra, e lle dera a el. Pero, de momento, é unha hipótese".

Era unha batida contra o xabaríl. Unha modalidade de caza cun regulamento específico que detalla desde o número de participantes, entre 8 e 30, ata as distancias de seguridade e a superficie de actuación. Tamén lles dá pautas aos participantes.

Antonio García Reinoso, delegado da Federación Galega de Caza en Ourense: "Onde se colocan os postos, que teñen que levar prendas reflectantes, mínimo unha. Levan sistemas de comunicación para saber onde está cada cazador... E despois, o de sempre, sentido común e nunca disparar unha peza que non se vexa".

O máis importante, sinalan desde a Federación, é a precaución ao tratarse de munición moi potente, de longo alcance, e tendo en conta, tamén, as características do terreo en Galicia.

Antonio García Reinoso, delegado da Federación Galega de Caza en Ourense: "Precaución, sentidiño e nunca dispararlle a unha peza se non se ve claramente. Esa é a recomendación. Neste caso parece que foi un rebote nunha pedra, que tamén pode pasar porque estamos no monte e o terreo é como é. Non é o primeiro e esperemos que sexa o último".

Este foi o segundo accidente mortal da temporada. En novembro, un mozo de 21 anos falecía en Chandrexa de Queixa, neste caso, vítima dun disparo accidental da súa propia arma.

Noticias web

20/01/2020