CRTVG

Buscar

O CSD acusa a Liga e o Fuenlabrada de "graves erros" que puxeron en perigo a saúde pública

Publicado o 22/07/2020 20:54

• Censura que non informaran dos catro positivos ás autoridades e viaxaran á Coruña | A Liga e o club rexeitan as acusacións


O Consello Superior de Deportes (CSD) lamentou este mércores os "erros graves" cometidos cos positivos de coronavirus no Fuenlabrada, que levaron a cancelar o seu partido do luns en Riazor, cos que non se cumpriron os protocolos sanitarios e se puxo en perigo "a saúde pública". En primeiro lugar, o CSD lembra o correcto regreso do "deporte seguro", lidando coa crise da COVID-19 e a pesar de "complicadas circunstancias sanitarias", grazas aos "protocolos sanitarios" que inspiraron " a numerosos países".

Mención especial fai do fútbol, e lembra a colaboración entre o propio CSD, a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) e LaLiga. Por contra, "preocupa" o ocorrido co Fuenlabrada e deséxase primeiramente unha rápida recuperación dos afectados. O CSD pediu o martes un informe a LaLiga sobre o ocorrido; recibiuno este mércores e a partir del emitiu este comunicado.

"Tanto o club como LaLiga coñeceron o primeiro positivo o sábado 18 de xullo ás 22:30 horas. Nese momento, debeuse establecer unha comunicación fluída coa autoridade sanitaria. Ademais, e isto resulta máis grave, o club e LaLiga coñeceron o domingo ás 22:30 horas que había tres positivos máis", di a nota. "Considérase que existe un brote cando hai tres contaxios, e a esas horas xa había catro".

"No citado plan consta que en caso de brote debe comunicarse inmediatamente ás autoridades sanitarias, pero a Consellería de Sanidade da Comunidade de Madrid non foi informada, segundo consta no informe de LaLiga", engade. Ademais, o CSD detecta que se debeu "apartar" a todos os posibles contactos dos positivos ata coñecer os tests e ve como "grave erro" a viaxe do equipo nestas circunstancias. "Cometeuse un grave erro ao emprenderen a viaxe".

Os que fixeron a proba o luns pola mañá debían quedar illados ata que se coñecese o resultado (iso ocorreu cando xa estaban na Coruña)", di o comunicado. "Ante a aparición dun brote, o equipo non debeu viaxar o luns, por un principio elemental de prudencia, mesmo en caso de que sexa certo que as restantes PCR practicadas o mesmo domingo desen negativo. De acordo cos feitos recollidos no informe da Liga, parece que o CF Fuenlabrada incumpriu os protocolos".

Por iso, o CSD lamenta que non se aplicase de maneira correcta o protocolo sanitario por parte do club madrileño e que LaLiga non "garantise" que así fose. A suspensión do partido entre Deportivo e Fuenlabrada, o choque que centraba a maior repercusión da última xornada de LaLiga SmartBank, "foi a decisión correcta coa información de que se dispoñía nese momento".

"Os feitos coñecidos con posterioridade indican que tamén desde o mesmo domingo pola noite se debeu comunicar o brote ao CSD e á RFEF. Tampouco houbo a dilixencia debida para informar ás autoridades deportivas, e o CSD non soubo o que sucedía ata ben entrada a tarde do luns", remarca o CSD.

"A actuación do CF Fuenlabrada puxo en risco a saúde dos seus xogadores, a saúde pública e a competición no seu conxunto. Non podemos permitir que unha mala aplicación duns bos protocolos embace o esforzo extraordinario realizado por todo o deporte español, sempre baixo a supervisión das autoridades sanitarias. Por todo iso, o CSD solicita tanto á Liga como á RFEF que estuden estes extremos e apliquen as medidas que consideren oportunas para evitar que volva repetirse", termina.


A RFEF abre expediente extraordinario ao Fuenlabrada

O Comité de Competición da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) informou este mércores de que abre un expediente extraordinario ao Fuenlabrada. Con todo, sinala que a apertura deste expediente non estará asinada ata este xoves. 

Noticias web

22/07/2020